Ribadeo F.C. Una mirada al siglo XX, tamén lembra o fútbol feminino da vila
O día 2 de xullo foi o do bautismo dun novo libro sobre fútbol galego. Víctor Manuel Pérez Quintana "Caridad", presentou na III Feira do Libro de RIbadeo a obra que recolle a vida do fútbol ribadense ao longo do pasado século. Excelente traballo de recuperación histórica que outorga un espazo ao fútbol feminino.
Así, o capítulo 28 comeza cunha espctacular foto dun equipo feminino da vila raiana anterior a 1936, e céntrase, a continuación, no mellor torneo de fútbol feminino que houbo na nosa terra en toda a historia, o Condesa de Ribadeo que chegou a contar cos mellores cadros españois e galegos da década de 1971-80, e dos comezos da seguinte, así como de grandes equipos galos como o Royan ou o Bordeaux. No capítulo móstranse fotografías ben documentadas, e datos de resultados e aliñacións.
Felizmente, o fútbol feminino galego xa comeza a ter presenza nos libros, neste caso grazas a Caridad e á Asociación Deportiva Ribadeo F.C. Veteranos, que na práctica, tamén estivo detrás da organización do I Trofeo Internacional Vila de Ribadeo celebrado no pasado mes de decembro.
A obra pode adquirirse nas librerías de Ribadeo.
Foto: Contracapa e capa do libro.